Soneira S.D. 1 vs S.D. Sofán 1

SONEIRA: Anxo, Darío (Basti 71´), Forján, Jota, Aarón, De la Sierra, Sandelo, Alex Figueiras (Chapela 60´)(Brais 79´), Nazo, Pichi e Chinda (Fran 64´)

SOFÁN: Rumbo, Iván Rey, Pablo, Félix, Rubén (Sera 88´), Canedo, Eibe (Jonathan 76´), Fabián, Luis, Alexandre (Matías 81´) e Raúl (Quintela 55´)

GOLES: 1-0 5´Alex Figueiras 1-1 46´Eibe

A SD está por vez primeira na final da Copa da Costa. E logrouno nunha eliminatoria de infarto, competida ó cen por cen, na que os homes de Cancela deron a cara e se levaron o premio ante un gran Soneira. Onte sufriron, encaixaron pronto o tanto que igualaba o de Juan de Dora da ida, pero xogaron un gran partido e o gol de Eibe da o pase á finalísima a disputar o vindeiro domingo ante o Xallas.

Máis de 450 persoas foron testigos dun gran partido, no que o desenlace puido caer para calquera dos dous lados. Pero se no Carral vimos un Soneira que impuxo o seu fútbol e foi superior, onte foi o Sofán o que dominou o encontro. Os de Cancela presionaron moi arriba, incomodaron ós de Pedro Gómez, que non puideron facer o seu xogo habitual. Aínda así adiantáronse pronto os locais nun remate de Alex Figueiras. Respondeu Eibe cun disparo dende o centro do campo que sacou Anxo con dificultades. Raúl de vaselina buscou a igualada, e un disparo frouxo de Luis escapóuselle a Anxo levando a incertidumbre ás gradas. Un disparo cruzado de Nazo antes do descanso foi a mellor ocasión do Soneira. Moita igualdade no primeiro tempo.

E nada máis sair dos vestiarios unha internada de Iván Rey por banda dereita con centro raso levouna Eibe ó fondo das mallas. Reaccionou o Soneira e tivo unha clara ocasión nun remate de Pichi de cabeza que saíu rozando o pao da meta de Rumbo. O Sofán endureceu a súa actitude defensiva e o encontro trabouse nos intres finais, debido tamén ó cansancio acumulado por ambos equipos. Unha boa internada de Alexandre non a rematou Fabián en boca de gol por pouco. A falta de cinco minutos tivo o Soneira a oportunidade de meterse no partido. Penalti de Rubén a Pichi que lanza Aarón, pero o balón rexeitao o longueiro. No tempo de desconto foi anulado un gol a Quintela.